Autor:
lunes, 18 de diciembre de 2006
Sección: Leyendas
Información publicada por: diviciaco
Mostrado 22.138 veces.


Ir a los comentarios

-


Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


  1. #1 pereira 06 de sep. 2005

    A liñaxe dos primitivos monarcas hispánicos inventada por Annio de Viterbo acadou un enorme suceso na historiografía peninsular dos séculos XVI e XVII, pois grazas a aquela era posíbel afirmar que a historia de España remontaba a épocas moi recuadas, e que dende un comezo se contara cunha civilización avanzada e con reis poderosos –e mesmo conquistadores doutras terras, como era o caso de Brigo. En especial foi a Coronica general de España de Florián de Ocampo, publicada en 1543, a que mellor recolleu e popularizou os reis de Annio. En xeral pódese dicir que a imaxe da historia antiga de España que contiña a súa Coronica foi a que se adoptou nunha grande parte da historiografía da época –incluídas, por suposto, as monarquías do Viterbense. É certo que tamén se ergueron voces críticas contra elas. Por exemplo o xesuíta Mariana, a finais do XVI, consideraba fabulosos moitos dos reis de Annio (aínda que non todos). En concreto negaba a existencia de Brigo, argumentando que era un personaxe ficticio, e que a única realidade eran os topónimos en briga; termo este, aseguraba, que significaba “cidade” na lingua dos antigos poboadores da península. Porén, malia as críticas de Mariana e doutros eruditos, Brigo e o resto dos monarcas fabulosos continuaron a aparecer nas obras dos anticuarios do XVII. Non foi até o século XVIII en que a pegada de Annio na historiografía peninsular se esvaeu de xeito (case) definitivo, grazas ás novas maneiras de concibir e de escribir a historia practicadas por autores como Ferreras, os irmáns Mohedano, Flórez ou Masdeu.

    A historiografía galega do XVII adoptou tamén o personaxe de Brigo como algo propio, ás veces considerado como un dos antigos reis de Galiza, e como o fundador epónimo da cidade de Brigantia (identificada coa Coruña ou con Betanzos). Porén resulta curioso comprobar o feito de que o tema das viaxes a Irlanda relacionadas con Brigo –das que falaban Annio, Ocampo e outros- foi moi pouco aproveitado polos anticuarios galegos da Idade Moderna, quen non se decidiron a vencellar Galiza con Éire por medio da figura dese mítico monarca. En troques foron outros os protagonistas elexidos, como o príncipe Gatelo e os seus descendentes; e os supostos pobos galaicos dos Brigantes, dos Yernos (os dous descoñecidos nas fontes clásicas que se referían á Gallaecia), e dos Siloros (os Silures dos que falaba Tácito, pero que non se localizaban no chan galaico).

    O personaxe de Brigo aínda se podería atopar nalgunhas das obras sobre a historia de Galiza redixidas durante o século XIX, ás veces a carón de Breogán, mais diferenciado del. Era ese o caso do primeiro volume da Historia de Galicia de Benito Vicetto (1865), onde achamos a Brigo convertido no primeiro poboador do territorio galego; e tamén a Breogán, nunha mención que facía Vicetto á posterior colonización de Irlanda polos celtas galaicos. Alén da obra de Vicetto, Brigo encontrou un último acubillo nalgúns historiadores locais da cidade de Betanzos, quen seguiron defendendo, até finais do XIX, que a devandita poboación fora unha fundación de Brigo. Longa foi, xa que logo, a influencia de Annio de Viterbo dentro da historiografía galega, grazas á figura dese persoeiro fabuloso.

  2. #2 Ofydd 22 de oct. 2005

    Brigo-Breogán.... Non lembro ben onde, pero lin recentemente un artigo que sostiña a tese de que estes dous personaxes en realidade eran un mesmo.
    E como sostén Pereira, os historiadores locais betanceiros, dende que comezaron a redactar as súas historias alá no Romantismo, recolleron a cousa do xeito de que Brigo, fillo de Túbal (fillo de Noé) veu a Galiza e deu en fundar Brigantium, á que puxo o seu nome. Sería un fillo del quen logo de albiscar Eiré dende os cantís da Torre de Hércules, partiu á conquista da nova terra, levando unha pedra destas terras consigo coma símbolo do reino de seu pai (pedra que, andando, remataría por ser a Pedra do Destino sobre a cal se coroan os reis ingleses, como recolle un estudo publicado no Anuario Brigantino, pero ese é xa outro conto). O vencello do fillo e Eiré, que nas crónicas onde se fala de Breogán recibe o nome de Ith, era o que servía ao autor do artigo este de que falo para soster a identidade de Brigo e Breogán.
    Case nesta literalidade se atopa a lenda nun romance panexírico-histórico da cidade de Betanzos que consultara no seu día Martínez Santiso e así o recolle el, e dende entón a hoxe as publicacións de historia local arrancan coa lenda. De feito, Brigo, coma rei, aparece sostendo o blasón da cidade nas representacións decimonónicas das armas da cidade de Betanzos.

  3. Hay 2 comentarios.
    1

Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.

Volver arriba