Autor: Ofydd
sábado, 24 de diciembre de 2005
Sección: Lenguas
Información publicada por: Ofydd
Mostrado 30.553 veces.


Ir a los comentarios

O mito do bilingüísmo harmónico: o caso galego.

El artículo pretende desmontar el argumento del bilingüismo armónico, la ideología lingüística que siguió la política lingüística de la Xunta de Galiza en los 16 años de gobiernos Fraga.

Introducción

O artigo que presento foi un traballo elAborado entre finais de 2003 e comezos do 2004 dentro dos meus estudos de licenciatura. A data paréceme un dato relevante para algunhas das cuestións que o traballo presenta,pois hai algunha publicación nova que non se recolle (e que confirma en certa medida o que o traballo apuntaba) e houbo unha mudanza na Xunta de Galiza que a día de hoxe aínda non produciu grandes efectos prácticos (polo pouco tempo dende o relevo do Governo Fraga).
Pese a non ser actual ao 100% entendo que pode abrir un debate interesante, por iso opto por presentar este traballo, mantendo a súa feitura orixinal.

O mito do bilingüísmo harmónico: o caso galego.


I- Introdución.
O povo que deixa perder a sua palabra
creada, herdada, usada, revelada,
aquela que lle é propia e singular,
a que é unicamente súa,
está emprobrecendo ó mundo
e perpretando o seu propio xenocidio.

Ese povo vil
ollará aniquilada a sua lembranza
e o seu nome indigno
borrárase, sen máis, do universo:
hai agresións á beleza e ó espíritu
que a vida non tolera nen perdoa.

(Manuel María)

Actualmente son moi poucos os Estados que admiten ser representados exteriormente por máis dunha lingua. Se acaso Bélxica, Canadá e Suíza son exemplos de estrita equiparación lingüística, lograda non sen conflitos.
Normalmente impúñase como oficial a lingua da nación que detenta o control do aparato estatal. Esta imposición acadouse paseniño, primeiramente como lingua da Administración do Estado e logo como lingua empregada no sistema educativo. Pero as linguas por si mesmas non son as causantes desta situación que poderiamos calificar de lingüicidio. Quen é o responsábel desta atitude é o aparato estatal, e sinaladamente as elites que o detentan.
O conflito lingüístico dáse cando hai dúas linguas a convivir en desigualdade. A desigualdade de oportunidades para dúas linguas débese principalmente, como vimos de sinalar, á atitude do Estado: a imposición histórica duna lingua sobre outra xera un conflito lingüístico que terá as saídas que máis adiante veremos.
A infraestrutura económica determina, ademais das relacións de producción, a superestrutura ideolóxico-cultural. Nun país con relacións de produción coloniais esta infraestrutura económica colonial provocará que a superestrutura se vexa tamén colonizada. E se aceitamos que Galiza é unha colonia de España debido ás relacións económicas que mantén con esta (nível da infraestrutura), por forza esta colonización verase tamén a outros níveis1. O idioma constitúese nun símbolo da resistencia por unha banda (a lingua dominada, símbolo do país colonizado) da colonización pola outra (a lingua dominante, símbolo da metrópole colonial), como xa teremos ocasión de comprobar.
A particular historia de Galiza amosa ás claras este feito. Na Idade Media, dende o reinado de Henrique II de Trastámara, comeza o conflito entre o galego e o castelán coa chega progresiva da nobreza e clero castelán a ocupar os postos máis relevantes da administración do Reino galego (colonización das elites que controlan o proceso produtivo). Esta política continuará cos sucesivos monarcas, e así Zurita, o cronista dos Reis Católicos, a denominará “doma e castración do Reino de Galiza”. Estes feitos terán o seu correlato na situación lingüística, pois o castelán será a lingua do poder e o galego a do pobo: xa temos servido o conflito lingüístico que chega até os nosos días e que será denunciado, como máis adiante veremos, por diversos intelectuais en épocas distintas.
Así, o que busca este traballo é demostar que no caso galego é imposíbel a convivencia pacífica entre o galego e o castelán, e por tanto demostrar que non é factíbel ese bilingüismo harmónico que pretendidamente existe en Galiza se nos atinximos aos dados subministrados pola Xunta de Galiza, ocupada por un partido (o Partido Popular) claramente irrespeituoso coa composición plurinacional do Estado español e coa realidade lingüística existente.


II- O marco teórico.

Para o desenvolvemento deste traballo teremos que manexar unha serie de conceitos e coñecer os modelos teóricos de normalización lingüística que existen. A elo adicaremos o presente capítulo.

Habitualmente vense utilizando a dicotomía lingua maioritaria-lingua minoritaria. Nós desbotaremos este distingo debido a que estimamos é unha cuestión moi relativa. Que unha lingua sexa maioritaria no seu ámbito territorial non quere dicir máis que é a falada pola maioría da poboación, e a minoritaria será a que fala unha minoría. Pero esto dependerá de como queiramos ver o mapa: se o vemos dende o ponto de vista, moitas veces artificial, dos Estados ou se queremos velo dende o ponto de vista das comunidades lingüísticas, ou nacións se se prefire. Dende a visión estatalista, linguas minorizadas poden ser moitas que son maioritarias na súa comunidade lingüística (sobre todo en Estados plurinacionais); dende a visión das comunidades lingüísticas cada lingua será maioritaria na súa comunidade de falantes e minoritaria fóra dela.
Si usaremos outra serie de conceitos, por consideralos máis acaídos para o noso traballo. Unha situción de bilingüismo dáse cando os falantes dunha comunidade poden empregar para comunicarse dúas linguas. Nesta situación conviven as dúas linguas, pero só no nível teórico este convivir é pacífico ou carente de conflitos, pois cada unha das linguas loitará por sobreporse á outra, ben no ámbito persoal de cada individuo, ben no conxunto da comunidade (sobre todo se conta co apoio e impulso dos poderes, tanto públicos coma privados). Nengunha comunidade usará dúas linguas para as mesmas funcións, pois se aceitamos que a lingua é un instrumento máis da comunicación, sen dúbida o esencial, resulta disfuncional ter dous instrumentos iguais (dúas linguas normalizadas, calquera que sexan) para exactamente as mesmas funcións.
Nos procesos de contacto lingüístico establécense case sempre (por non dicir sempre) relacións de desigualdade entre as linguas que participan deses procesos. No ámbito dunha sociedade o ansiado bilingüismo harmónico é tan só un espellismo que vale para tranquilizar conciencias. En todos os procesos de contacto hai un idioma que se ve en maior o menor medida perxudicado no que aos seus usos se refire porque a manutención artificial de dúas linguas resulta antieconómica, como xa temos sinalado máis arriba, para os falantes. Á división de ámbitos de uso que se establece entre a lingua dominante e a lingua dominada denomínaselle diglosia. Cómpre sinalar que en condicións normais a diglosia é unicamente o aspeito externo que ofrece a nível sincrónico un proceso diacrónico máis ou menos prolongado no tempo que se coñece co nome de substitución lingüística e que ocasiona parella unha grande perda de valores culturais. Case sempre producirase non só a diminución dos usos da lingua dominada, senon tamén a penetración nesta de influxos espurios máis ou menos profundos. Tanto a diminución dos usos como a cantidade e profundidade de influencias padecidas pola lingua dominada dependerán da intensidade do proceso de minorización, resultado á súa vez da distancia socioeconómica e cultural existente entre os falantes dunha e doutra lingua.
Cómpre salientar asemade a diferencia existente entre os termos lingua minorizada e lingua minoritaria. Linguas relativamente maioritarias coma o alemán, o castelán ou o galego poden ser linguas minorizadas en Alsacia, Puerto Rico ou Galiza respeitivamente; en tanto que linguas relativamente minoritarias, coma o checo, poden actualmente considerarse linguas normalizadas.
A nível teórico son varias as saídas que pode ter o conflito lingüístico:
- que a lingua dominada logre normalizarse e substitúa á dominante;
- que a lingua dominante gañe a partida e elimine á dominada;
- unha saída media, a mestizaxe: unha única lingua filla das dúas ocupa o espazo de ambas;
- a perpetuación ou resituación do conflito (que ao noso ver provocan as políticas de bilingüismo);
- que unha interlingua ocupe o espazo das dúas linguas en conflito.

Así podemos dicir que a normalización consiste nun proceso de substitución: trátase de substituír a lingua dominante, e allea, pola lingua dominada, e propia do territorio. Un proceso que se chame normalización e que non teña por fin último o sinalado será pura falacia.

Toda política lingüística baséase na planificación do status e do corpus dunha lingua: cais son os usos que se quere ter e cais hai que recuperar por térense perdido nun proceso de conflito con outra lingua. Xa temos sinalado que para que resulte unha normalización plena os usos a darlle á lingua han ser todos, e non só un uso ritualista e folclórico. A loita pola normalización depende da lealdade dos falantes (lealdade e fidelidade ideolóxica moitas das veces), pero tamén depende das institucións políticas, que teñen que recoñecer os direitos lingüísticos da cidadanía e teñen que garantir o cumprimento efeitivo deses direitos. A liberdade da lingua deixa de ser só unha manifestación da liberdade de expresión para transformarse nun direito público subxetivo de contido positivo, xa que o seu exercicio efeitivo por parte dos cidadáns esixe dos poderes públicos a aceitación activa e pasiva desa lingua, así coma o recoñecemento de plenos efeitos xurídicos ao seu uso. Pero un direito individual subxetivo (o direito a falar unha lingua minorizada) non vale de nada se non existe precisamente ese interese xeral (o propio idioma minorizado). A normalización só será posíbel se se defende efeitivamente ese direito colectivo de conservar o idioma minorizado para poder normalizalo.
As lexislacións que pretendían a uniformación lingüística tiveron pouco éxito, e este escaso éxito foi debido ao apego do falante á súa lingua e ás resistencias culturais. Este apego sufriu atrancos como o da imposición do servizo militar obrigatorio, os movementos migratorios, a escolarización obrigatoria, os medios de comunicación...
O ensino dunha lingua minorizada, para estaren xustificado, ha de inscribirse nun proceso de recuperación de usos por parte desa lingua no seu ámbito social, o que se denomina, como xa vimos, normalización lingüística. En caso contrario sería un exercicio van e inútil.
Dentro da normalización lingüística existen tres planos diferentes que é preciso Abordar: en primeiro lugar está a normativización, que consiste na criación ou adopción dunha variedade que sirva de estándar para a lingua; en segundo lugar está a planificación do estatus ou normalización propiamente dita, que consiste na delimitación dos usos que a lingua ha de desempeñar na sociedade e, finalmente, o deseño de estratexias para a súa adquisición.
Dentro da normativización, á súa vez, haberá que establecer un distingo entre a grafización (codificación dos usos gráficos: alfabeto e ortografía), estandarización propiamente dita (escoller de entre as variantes que apresenta a lingua a nível dialectal, ou histórico, aquelas que van formar parte do estándar) e, finalmente, a modernización (a criación ou adaptación de aqueles recursos de que a lingua, a causa da súa dependencia da lingua dominante, careza para desenvolverse autonomamente no mundo actual). As linguas que padeceron estes procesos de minorización apreséntanse ás veces como eivadas; xeralmente carecen de vocabulario, escrita e recursos axeitados para se desenvolver naquelas parcelas da realidade que corresponden aos usos usurpados pola lingua dominante, ben porque foran substituidos, ben porque non foron criados. O propio feito de carecer de modos de expresión propios para estas parcelas constitúe xa de por si un motivo de desprestixio a ollos do falante normal.
Si, tal como xa sinalabamos máis arriba, toda sociedade rexeita por innecesario o uso simultáneo de dous idiomas diferentes para servirse deles nos mesmos ámbitos, a diglosia ocasiona a especialización de cada unha das linguas nunha determinada parcela da realidade. Pero é un proceso dinámico: a lingua dominante comezará a penetrar por arriba, polos usos máis formalizados e, aos poucos, dependendo a velocidade da intensidade do proceso de minorización, irá xeralmente avanzando cara abaixo até rematar por desaloxar á lingua dominada de todo o seu contexto orixinario. En poucos momentos deste proceso de substitución compartirían os mesmos ámbitos de uso, senón que o avance dunha irá necesariamente desprazando á outra. Desto podemos substraer novamente que dúas linguas nunca conviven harmonicamente.
A escola deberá ser un ámbito privilexiado non só para a rehabilitación e dignificación da lingua minorizada, senón que tamén deberá contribuir a asentar o coñecemento dos recursos de que esta até entón carecía. A escola será un dos aliados principais (xunto aos medios de comunicación) de calquera proceso de normalización lingüística que se queira levar a cAbo, tanto se este ten por obxecto devolver á lingua dominada o seu antigo status (o que acontece xeralmente en países que conseguiron a súa independencia ou en comunidades que se declararon monolingües) coma se ten por obxecto manter unha situación de bilingüismo. Neste último caso, se a normalización ha de ter éxito e rematar co conflito lingüístico, deberá reservar para a lingua dominante unicamente a capacidade de uso por parte dos falantes, sen nengunha outra función asignada dentro do ámbito de interación social. As solucións intermedias o único que fan é invertir ou resituar o proceso de substitución. Desto podemos extraer que é inútil plantexar o bilingüísmo harmónico coma meta dunha política lingüística.
Non son poucos os docentes e pedagogos que optaron decididamente por eliminar do ensino de segundas linguas a maior parte das referencias á lingua materna na pretensión de recrear na aula un entorno de lingua ensinada, unha caste de embaixada lingüística, que facilite o acceso máis espontáneo e natural á lingua dominada (a minorizada que se pretende normalizar). O alumno ten que chegar á convición de que a lingua máis importante, a lingua que a escola desexa que aprenda en primeiro lugar, é a súa propia. No ensino da lingua minorizada debérase buscar:
- Proporcionar unha imaxe totalmente equivalente de ambas linguas, amosando que unha e outra poden expresar calquera campo da realidade, que ambas posúen diversos rexistros e variantes lingüísticas e que ambas poden ser apropiadas para todas as situacións e contextos.
- Propiciar unha reflexión no alumno sobre as diferencias e características propias de cada un dos idiomas para que este coñecemento lle permita evitar interferencias entre eles.
- Introducir no coñecemento lingüístico do alumno campos da lingua minorizada que foron desprazados pola lingua dominante (ou que a propia lingua dominada non tivo ocasión de criar) e que posteriormente foron restaurados artificialmente no proceso de normativización.
No eido do ensino existen tres modelos de normalización lingüística:
- modelo de separación: todo o ensino nunha lingua, ben a dominante, ben a dominada, agás a asignatura correspondente á outra lingua. Ven a ser un dos modelos adoitados en Euscadi, onde pode optarse por todo o ensino en eusquera agás a asignatura de castelán ou viceversa.
- Modelo de conxunción lingüística: viría a ser un modelo mixto: a metade das materias son impartidas nunha lingua e a outra metade na outra. Ven ser o modelo adoptado en Galiza e mais o outro modelo aceitado en Euscadi.
- Modelo de inmersión lingüística: partiría do modelo anterior pero iría incrementando o espazo da lingua minorizada até facerse a predominante. Foi o modelo que xurdiu en Cataluña.
A escolla dun ou outro modelo virá marcada polo tipo de política lingüística que se queira desenvolver. O acerto ou erro determinarao o feito de se realmente se acada a normalización do idioma ou non, se ben influirá, e moito, a realidade de cada lingua á hora de decantarse por calquera destes modelos teóricos.
Os poderes públicos, sinaladamente o aparato estatal en todos os seus níveis, os rexionais se os houber e os poderes locais deben xogar un papel activo na normalización do idioma.
Un Estado plurilingüe debera entender este feito coma unha riqueza e adoptar as medidas necesarias para manter, potenciar e agrandar este patrimonio común de toda a súa cidadanía. En caso de ter unha lingua minorizada debera apostar pola súa normalización no seu ámbito natural sen nengún tipo de complexo. E a medida que as institucións se fan máis próximas ao cidadán baixando chanzos na estrutura territorial, máis patente se debera facer aos ollos da poboación a aposta polo idioma propio. Xa comentaremos máis adiante, cando veñan ao caso, propostas atinadas de normalización ao nível das leis. Mais esto non sempre é así, como veremos de seguido na análise do caso galego.
Hai dous grandes principios teóricos á hora de deseñar unha política lingüística:
- principio de territorialidade: en cada territorio é oficial a lingua propia do mesmo, e no aparato estatal son oficiais todas as linguas faladas no territorio estatal. É o modelo elixido en Bélxica, por exemplo.
- Principio de personalidade: todas as linguas son oficiais en todo o territorio estatal, e cada cidadán escolle a que queira.
As entidades privadas e os propios cidadáns, fóra o compromiso militante co idioma que poidan ter algúns, cifrarán a aposta polo idioma e a súa normalización na medida en que vexan que é unha lingua protexida e promovida polos poderes públicos.











III- Análise de caso: o conflito lingüístico en Galiza.

A historia da lingua galega é a historia da loita dunha lingua pola súa pervivencia, é un relato épico por gañar o futuro dende que un idioma alleo, o castelán, aparece, aupado por elites dirixentes tamén estranxeiras, no territorio onde historicamente pervivía o galego.
Na Idade Media o galego-portugués foi a lingua cultural dos Reinos cristiáns peninsulares: en galego trobaron até reis casteláns e poetas cataláns, como amosan os cancioneiros. O Medievo supón o único intre histórico onde o idioma galego está plenamente normalizado. Foi dende que Portugal logra a independencia de Castela cando o galego comeza a perder ese papel de lingua de cultura, mesmo no seu propio país. E logo, como xa apontabamos nas liñas que abren este traballo, os Trastámara inician o xenocidio lingüístico do galego, continuado polos Reis Católicos, os Austrias, os Borbóns, os Primo de Rivera e Franco e mesmo polos neglixentes gobernantes que Galiza tivo nos 25 anos de democracia (que, como veremos, por pasiva continuaron a obra que por activa iniciaran os Trastámara).
Coa independencia portuguesa a nosa lingua vive un período de esplendor expandíndose grazas ás conquistas ultramarinas por África, América e Asia. A literatura florece e a lingua acha a plena normalización que nunca máis volveu ter na terra onde nacera. Portugal conta cunha lingua nacional á que mima e promociona, e que evolucionará dando lugar dende o primitivo romance galaico-portugués ao moderno portugués.
O caso galego vai ser o contrario. Coa “doma e castración do Reino de Galiza” o galego, que xa viña sendo apartado do poder dende o século XIV, queda recluido á fala popular, dialectalizándose. Este período, que chega ata o Romantismo do século XIX, é coñecido na literatura galega co expresivo nome de Séculos Escuros. Pero a Ilustración do século XVIII dará algo de luz a estas tebras coas figuras dos Pais Sarmiento e Feixóo, quen denunciarán a imposición do castelán en Galiza e inician o estudo do galego coma unha lingua romance máis.
O século XIX verá o rexurdir do galego na escrita ao abeiro do Romantismo que percorre Europa e que conleva o renacer das vellas identidades que a revolución liberal tentara superar. En Galiza darase o primeiro movemento autoidentitario no Provincialismo, que contou coa senlleira figura de Antolín Faraldo e que culminou tráxicamente co fusilamento dos Mártires da Liberdade en Carral. Na cultura xorde a xeración dos Precursores, entre os que se atopaban o poeta Añón ou Murguía. Darase unha nova etapa autoidentitaria galega co rexionalismo, á par que unha nova xeración de intelectuais fai que floreza o Rexurdimento (paralelo a outros como a Renaixença catalana), coas figuras cumio de Rosalía de Castro, Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. Desta etapa datan a fundación da Academia Galega (posteriormente Real Academia Galega), o Himno Galego ou a bandeira galega.
O século XX comezará co movemento de Solidaridad Gallega (que o 6 de outubro de 1907 dará o primeiro descurso público en galego en Betanzos nun xesto de relevancia cara á normalización do idioma), as Irmandades da Fala (que inician a terceira etapa autoidentitaria galega co nacionalismo) e a Xeración Nós. Os homes de Nós buscarán a normalización plena do galego incorporándoo ás correntes científicas e culturais que percorrían Europa, constituíndo a tentativa máis ambiciosa de normalizar o idioma de todas cantas se deran até a data. O Partido Galeguista loitou por dotar a Galiza dun autogoberno que garantise o respeito polo galego e asegurase a súa conservación e normalización.
Castelao, nun parágrafo moi coñecido, resume a historia que tivera o galego grazas á política que se seguira até a data en cuestión idiomática en Galiza: “prohibíchedes o galego nas escolas para producir no espírito dos nosos rapaces un complexo de inferioridade, facéndolles crer que falar galego era falar mal e falar castelán era falar ben. Expulsáchedes o galego das eirexas, facendo que os representantes de Cristo explicaran o Evanxeo no idioma oficial, que o pobo non falaba nin comprendía ben. Refugáchedes o galego ante os Tribunaes de xusticia e chegáchedes a castelanizar barbaramente as toponimias galegas. ¿E de que vos valeu? Porque despois de máis de catro séculos de política asimilacionista, exercida con toda riqueza de astucias e violencias, o noso idioma está vivo. Sodes, pois, uns imperialistas fracasados”. Podemos comprobar a actualidade deste parágrafo.
A xente do Partido Galeguista logrou o recoñecemento internacional de Galiza coma nación e conqueriu as maiores cotas de autogoberno para Galiza que o marco da Constitución española de 1931 recoñecía. Pero esto logrouse non sen atrancos e finalmente de nada serviu, pois a Guerra Civil impuxo o silenzo novamente, co esmagamento de moitas vidas e botando por terra as conquistas que tanto lle custaran ao idioma galego de cara á súa normalización.
O réxime nacido do alzamento de 1936, a Longa Noite de Pedra que dixera o poeta Celso Emilio Ferreiro, caracterizouse polo seu nacionalismo de Estado que proscribiu as culturas nacionais que non eran a castelá, única oficial.
Coa restauración democrática de 1975-78 Galiza veu recoñecido o seu direito ao autogoberno e o galego foi declarado lingua cooficial en Galiza, como veremos.
Fronte a esta historia axitada e inestábel do galego, do Miño ao sul o portugués desenvolveuse co apoio do Estado, sen agresións lingüísticas nen políticas, sempre normalizado e dando lugar a unha literatura que dende Camoes a Pessoa nunca tivo que reivindicar o seu direito á vida porque o Estado, ao contrario que en Galiza, llela garantía.

O marco deseñado pola Constitución española de 1978.

Logo deste breve repaso polo que foi a traxetoria vital do galego até o momento presente faremos unha análise do marco no que o galego pula hoxe por se normalizar. Este marco ven definido pola Constitución española de 1978, que proclama no seu artigo 3º que “1- o castelán é lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o direito de a coñecer e o direito de a usar”2, único caso en Europa en que un texto constitucional proclama a obrigatoriedade de coñecer o idioma oficial e que usalo é un direito constitucional, fágase onde se faga. O citado artigo prosigue con que “2- as outras linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos”. Queda patente que a Constitución non é neutral no eido lingüístico, pois fai a unha lingua oficial en todo o territorio do Estado e discrimina ás outras confinándoas ao territorio dunha Comunidade Autónoma, e eso se o poder que elAbore o Estatuto de Autonomía ten a ben darlle ese rango de cooficialidade. Ao noso ver, este matiz fai que galego, catalán e eusquera sexan idiomas que están un chanzo por baixo da cooficialidade. Vemos que a Constitución deseña un marco segundo o principio de territorialidade (castelán oficial en todo o territorio) matizado cun principio de personalidade para as nacións con lingua de seu (onde haberá varias linguas oficiais e o cidadán escollerá a que queira): o marco non é neutral dende o ponto de vista das linguas.
Para ser neutral neste senso, a Constitución debera facer oficiais en todo o Estado ás catro linguas (principio de personalidade estrito) ou oficial soamente no seu territorio a galego, catalán e eusquera (territorialidade estrita), pois senón convértese en retórica oca o remate do citado artigo 3: “3- a riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respeito e proteción”. Francisco Rodríguez aínda vai máis alá e afirma que esta redación é similar á empregada na Constitución á hora de falar do patrimonio histórico e cultural porque ambos, linguas e cascallos, son cousas vellas que hai que ter porque se ten historia.
Para demostrar a existencia do conflito lingüístico non hai como comezar coa propia Constitución e as leis dela derivadas, xa que fan unha aposta clara polo castelán, como vimos de comprobar e como seguiremos vendo. Pero no momento de redactarse a Constitución xa houbera outras propostas moito máis respeituosas para con todas as linguas faladas no territorio do Estado español. Sirva de exemplo ao respeito a enmenda que apresentara a Minoría Catalana ao referido artigo 3º da Constitución:
“3.1- todas as linguas nacionais serán oficiais nos seus respeitivos territorios. O castelán será a lingua oficial dos organismos do Estado sen prexuízo do que estableceran os Estatutos de Autonomía.
3.2- nas Comunidades Autónomas de lingua non castelá cada Estatuto determinará o carácter oficial exclusivo, ou alomenos a cooficialidade transitoria no seu territorio.
3.3- a riqueza da diversidade lingüística é un patrimonio cultural que virá concretado na estrutura administrativa e do ensino.”
Esta redación alternativa, que non prosperou, faría máis neutral o marco que deseña a Constitución (observemos que fai ao castelán a única oficial do aparato estatal, cando debera facer esto coas catro linguas faladas no territorio, aínda que abre a posibilidade por vía estatutaria de facer cooficiais as linguas), e mesmo abriría a porta a unha hipotética situción na que, andando o tempo, só fose oficial no territorio dunha Comunidade Autónoma con lingua propia a propia lingua do territorio. Claro que, aínda así, tería que ser unha interpretación flexíbel do marco constitucional, afastada da Constitución-tótem que os constitucionalistas actuais presentan.
A realidade galega é de diglosia, existe un conflito lingüístico que se quere ocultar, se ben pretender un bilingüismo harmónico (como proclama a Xunta de Galiza) é un xeito de recoñecer implicitamente a presencia do conflito. O lexislador galego, condicionado polo marco constitucional sobre o que acabamos de dar unhas pinceladas someras, quixo caratecrizar esta situación diglósica como un bilingüismo que representa unha riqueza e unha vantaxe para os galegos. E sobre esta falacia levantouse a política lingüística da Xunta de Galiza: cunha lexislación favorábel ao uso individual do galego preténdese ocultar o retroceso que a lingua galega padece, mantendo a obriga (constitucional, recordemos) de saber e usar o castelán. O falar galego, nos ámbitos que o uso ritualista e folclórico que a Xunta de Galiza recoñece, ven sendo unha obxeción de conciencia do deber de falar castelán. A finalidade última é que se perda o galego. E por riba está a falacia de querer amosar esta política lingüística coma a máis avanzada do mundo, do cal xa vimos un exemplo (vexamos senón, a xeito de contraste, as lexislacións de Bélxica, Suíza ou o Quebeque).
A continuación veremos polo detalle o papel que xogan os distintos actores no drama da normalización lingüística do idioma galego.




1- O papel da Xunta de Galiza e a Administración Autonómica galega.

Ao abeiro da Disposición Transitoria Segunda da Constitución de 1978 Galiza acada a autonomía máxima que recoñece a Constitución de 1978 e plebiscita afirmativamente o seu Estatuto de Autonomía en 1981. Os avatares que transcorriron dende que o proceso se inicia ata a aprobación do Estatuto non procede traelos a colación nesta obra. O Estatuto non aporta nada novo ao debate lingüístico, de non ser a afirmación obvia de que “a lingua propia de Galicia é o galego” e manter a cooficialidade de galego e castelán (por mandato estatutario un e constitucional o outro, lembremos).
A este respeito, novamente atopamos proxectos moito máis ambiciosos para a redación do Estatuto de Autonomía de Galiza que o que finalmente foi aprobado. A proposta do Partido Socialista Galego (PSG) recollía o seguinte:
“Art.1º: A lingua nacional de Galiza é o galego, que será o idioma oficial (...).
Art.3º: O ensino en Galiza será obrigatoriamente en galego e o castelán será asignatura obrigatoria (...).
Art. 5º: os funcionarios e cargos públicos do Estado que presten servizo en Galiza deberán acreditar coñecemento falado e escrito do galego e virán obrigados a respostar en galego (...).
Disposición Transitoria 1ª: o disposto no artigo 3.5 do presente Estatuto esixirase aos cinco anos da publicación do mesmo.”
Con este exemplo queda de manifesto o escaso interese que tivo o lexislador estatuínte para coa normalización efeitiva do idioma galego.
O caso é que dende 1981 Galiza conta con autogoberno (discutíbel sería tamén se é sufieciente ou non, mais tampouco ven aquí ao caso) e o Parlamento de Galiza comeza a lAboura lexislativa.
Así, en 1983 é aprobada a Lei de Normalización Lingüística de Galiza (Lei 3/1983, de Normalización Lingüística) que, enmarcada na estrutura constitucional-estatutaria, continúa por ese vieiro establecendo a igualdade de ambas linguas na Administración, medios de comunicación e no ensino. Esta Lei tivo que ser modificada en xullo de 1986, como xa máis arriba indicabamos, ao interpoñer o Goberno central un recurso de inconstitucionalidade contra os artigos 1º e os pontos 1 e 2 do 7º. A nova redación do artigo 1º establece unicamente o "direito" de coñecer e usar o galego eliminando o "deber" que se recollía na primeira redación.
Tamén neste caso houbo redaccións máis acaídas para a normalización plena do galego. Un exemplo sería a proposta de Lei de Normalización apresentada polo Bloque Nacional-Popular Galego-Partido Socialista Galego (BNPG-PSG), que Abordaba a normalización coma un problema colectivo e esixía, entre outras cousas, que para a normalización do galego as Administracións facilitaran a documentación en galego de non ser que expresamente o cidadán a solicitase en castelán. O caso é que a Lei de Normalización vixente Abordou a normalización coma un problema individual, co cal os plantexamentos son radicalmente distintos. Esto debeuse a que realmente non existiu, nen existe hoxe, unha vontade política de Abordar o problema de raíz dende a Xunta de Galiza, e aprobouse esta Lei, que de seguido analizaremos someramente.
No caso da Administración, ben autonómica, ben local, a Lei referida deseña un cenario onde coexisten en igualdade de oportunidades ambas linguas, cal se fose o mesmo ponto de partida para ambas e coma se realmente se cumplirar estes mandatos legais (e mesmo a Constitución).
Para os medios de comunicación a Lei deixa o sorpente mandato de que os medios de titularidade autonómica terán por lingua “usual” a galega. Resta por definir que foi o que entendeu o lexislador por “usual”.
No eido do ensino, a Lei asegura que “as autoridades educativas da Comunidade Autónoma arbitrarán as medidas encamiñadas a promover o uso progresivo do galego no ensino.”. Asimesmo, pon coma obxetivo que ao remate do ensino obrigatorio os alumnos empreguen con igual destreza ambas as dúas linguas oficiais. A este respeito, como en moitas outras partes da Lei referida, o articulado reserva a concreción das medidas a adoptar á Xunta de Galiza, co cal engádese unha importante cota de discrecionalidade neste senso dado que os inquilinos da Xunta de Galiza non teñen realmente intención de normalizar o idioma.
Todo o articulado da Lei esta cheo de declaracións de intencións de promover a igualdade entre o galego e o castelán para acadar ese pretendido bilingüismo harmónico, se ben, a tenor dos feitos, non deixan de ser grandes titulares con letras ocas.
A Lei faculta, no seu último título, á Administración autonómica para coordenar e deseñar o proceso de normalización lingüística do galego. A tal fin, foi criada a Direción Xeral de Política Lingüística, dependente funcionalmente da Consellaría de Educación (Consellaría de Educación e Cultura daquela e hoxe Consellaría de Educación e Ordenación Universitaria).
Esta Direción Xeral desenvolveu, como teremos ocasión de comprobar ao longo das vindeiras liñas, unha planificación lingüística de baixa intensidade, desenvolvida a partires dunha determinada interpretación da situación sociolingüística da lingua, dunha ideoloxía lingüística específica e dunha conceición das prácticas planificadoras centrada no intento de non provocar nengún tipo de conflitividade lingüística na sociedade galega (o pretendido bilingüismo harmónico).
Para analisar en detalle esta política seguida polo poder galego haberá que ter en conta, dunha banda o plano das ideoloxías lingüísticas e planificadoras que sustentaron o descurso lingüístico da Xunta de Galiza e pola outra banda a propia dinámica das práticas planificadoras desenvolvidas.
Como viñamos sinalando, a realidade actual do idioma galego ven marcada por dous procesos de tendencias con caraterísticas aparentemente contrapostas: por un lado, un proceso de substitución lingüística polo castelán, e polo otro lado, unha etapa de revitalización social e institucional.
O proceso de desgaleguización social, consistente na substitución social do galego polo castelán (cuxas orixes xa temos comentado), fai que o galego veña perdendo falantes iniciais e habituais de xeito constante e progresivo. A adquisición e uso social maior do castelán e a alteración significativa da configuración das redes interpersoais de relación, dos mecanismos de transmisión lingüística primaria e dos procesos de eleición lingüística repercuten tamén moi negativamente no galego. Se derivado deste proceso o galego ainda non desapareceu débese ao carácter rural e disperso da maioría do territorio galego.
O proceso de revitalización social e institucional da lingua galega arrinca nos anos 60 e 70 da man das reivindicacións sociais e políticas do final do franquismo, se ben, como xa vimos, xa algo se viña facendo neste eido dende os tempos do Rexurdimento. A oficialización da lingua na Transición e o seu recoñecemento legal (na forma que vimos de analizar) supuxo unha relativa expansión nos ámbitos de utilización, un aumento relativo das funcións sociais dispensadas pola lingua galega e, en definitiva, o desenvolvemento de usos formais socialmente prestixiados.
Dende a aprobación do Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística o galego entra nunha segunda etapa na que a xestión normalizadora reside, sobre todo, na Xunta de Galiza, ao tempo que as organizacións da sociedade civil galega seguen a xogar un papel destacado. É así que a identificación da lingua galega con ámbitos rurais e sen cultura comeza a cambiar.
As iniciativas normalizadoras desenvolvidas ao longo destes anos tiveron diferentes rendementos prácticos, ás veces moi lonxe dos obxectivos pretendidos inicialmente. Algunhas consecuencias sociolingüísticas moi positivas da normalización do galego son a irrupción do galego en grupos sociais inicialmente moi castelanizados ou a presenza, oral e escrita, do galego en instancias e ámbitos sociais (como por exemplo a Administración pública, ensino, medios de comunicación) nos que a súa presenza era até o de agora residual ou practicamente inexistente. Con todo, esas consecuencias positivas non parecen ser suficientes para deter o avance da desgaleguización, sinaladamente entre os grupos e comunidades urbanas e entre os segmentos máis novos da poboación galega.
Algunhas características relevantes que o abandono social do galego ten na actualidade para a política lingüística son, por unha banda, a falla de transmisión primaria da lingua galega, que ten como consecuencia o descenso da presencia do galego como variedade inicial e como variedade de uso familiar e, pola outra banda, produce un descenso xeral na proporción de falantes habituais e de usos lingüísticos en galego.
Por outro lado, o proceso de substitución social do galego ten ritmos diferentes, é dicir, está distribuido de forma desigual segundo o hábitat e segundo os grupos de idade. Á vista da intensidade do proceso de abandono social, parece improbábel que se poida desenvolver unha reversión espontánea do proceso substitutorio en marcha.
Se temos en conta algúns dos resultados visíbeis do proceso oficial e social de recuperación e de revitalización lingüística, debemos comentar os siguientes aspeitos: en primeiro lugar, a inserción do idioma galego nas transmisións educativas non universitarias e a presenza da lingua en medios de comunicación públicos supuxo un cambio cualitativo e cuantitativo para as percepcións sociais sobre o galego; en segunda instancia, podemos observar unha modificación paulatina das actitudes lingüísticas negativas cara ao galego; e nun terceiro plano, aumentaron considerabelmente a proporción de individuos con competencia lingüística bilingüe ao tempo que aumenta o bilingüismo social.
A estandarización tardía do galego, que se concreta en 1982, supuxo que tal proceso aínda estea en etapa de consolidación. Ademais, houbo unha forte contestación á seleción realizada da variedade estándar. Pódense resumir en catro as principais posturas ante a variedade estándar do galego.
Autonomismo. Distinguimos nel dúas tendencias:
Oficialismo. É a normativa elAborada polo Instituto da Lingua Galega (ILG) e a Real Academia Galega (RAG). É a normativa aceitada pola maioría da poboación e a que se estuda nos centros de ensino primario e secundario de Galiza.
Reintegracionismo de mínimos. Tamén coñecido como normativa de concordia, vía media ou terceira vía. A súa distancia verdadeira con respeito á ortodoxia oficialista foi sempre máis extralingüística ca estritamente ortográfica.
Reintegracionismo. Continuador do autodenominado reintegracionismo de máximos, postula unha maior aproximación ao portugués (uso de g e j, lh e nh; sufixo –çom...). Perdeu forza nos últimos anos polo avance do lusismo e a mellor aceitación acadada polos “mínimos”.
Lusismo. Defenden como único estándar posíbel para o galego ao portugués, que debe ser adoptado polos galegos de forma plena e sen reservas.
Co cambio recente da normativa aprobado pola RAG3, e impulsado pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) dende 1999, o reintegracionismo de mínimos intégrase na normativa oficial, superando, en parte, o debate sobre o estándar do galego e aliando esforzos cara a unha normalización efeitiva do galego.
No devir normalizador da Xunta de Galiza foise desenvolvendo ao longo dos últimos anos un descurso lingüístico centrado no denominado bilingüismo harmónico. Esta ideoloxía lingüística está baseada nunha determinada interpretación da situación lingüística galega e supón, na práctica, enfocar a revitalización da lingua galega coma un obxectivo con actuacións moi concretas.
Esta ideoloxía lingüística aliméntase de varias fontes inteletuais:
- subxace nela unha orientación lingüística que mistura unha visión consensualista das dinámicas sociais (fronte ás perspeitivas de corte conflitivista), unha certa despreocupación pola significación histórica da lingua galega como patrimonio comunitario e como sinal de identidade colectiva e una seria incapacidade para considerala coma unha variedade útil e apta para as necesidades da sociedade actual.
- pártese do perfil lingüístico da Galiza contemporánea para afortalar o descurso da harmonía lingüística. Realízase unha interpretación da realidade sociolingüística de Galiza moi cuestionábel e, sobre todo, profundamente parcial.
- súmase á percepción dos beneficios do bilingüismo dende o ponto de vista individual e social.
Esta ideoloxía lingüística, aínda que carece dun desenvolvemento conceitual ben delimitado, materialízase en tres principios sociolingüísticos concretos:
- Considérase que ambas as dúas linguas, o galego e mais o castelán, son linguas de uso e de status pleno en Galiza.
- As dúas linguas deben convivir en todos os ámbitos, situacións e funcións da sociedade galega actual, sen que se produzan nin conflitos nin se xeren xerarquías, sen dar lugar a diferencias en función dunha lingua ou outra.
- Enténdese que as actividades de promoción e de reivindicación do galego non deben interferir na vitalidade social do castelán nin deben alterar a situación sociolingüística actual.
De seguido sinalaremos algúns dos elementos de reflexión que están presentes nas prácticas planificadoras institucionais.
Analizando o papel dos actores, o salientábel do proceso de normalización galego posto en marcha ao abeiro da referida Lei de Normalización Lingüística é a presenza de poucos actores significativos. A Direción Xeral de Política Lingüística asume un papel preponderante no desenvolvemento da política lingüística a favor do galego. A situación de tal Direción Xeral no organigrama da Consellería de Educación limita considerabelmente o marco organizativo e funcional das súas actuacións. Doutra banda, sen abandonar a Xunta de Galiza, existe dende 1990 unha Comisión Coordenadora de Normalización Lingüística (CCNL), criada precisamente para solventar a falla de coordenación e de acción normalizadora en departamentos da Xunta de Galiza alonxados do ámbito educativo e cultural. O funcionamiento desta Comisión logo de doce anos de actividade é practicamente inexistente, e redúcese a elAborar información periódica acerca dos proxectos e os programas desenvolvidos polo Governo autonómico.
Chama poderosamente a atención a ausenza doutros actores significativos ou a escasa implicación, nunca pretendida pola Xunta de Galiza, deles na normalización, como sería o caso dos Concellos, os medios de comunicación ou o ensino, que veremos máis adiante.
A política desenvolvida pola Direción Xeral de Política Lingüística trazouse en torno a tres eixos básicos:
- Atención preferente á mellora da competencia lingüística en galego, sobre todo da competencia escrita.
- Incidencia sobre os usos sociais do galego, sinaladamente sobre os usos formais e elAborados.
- Incidencia sobre a modificación das actitudes e opinións sobre a lingua e sobre os grupos galegofalantes.
As actuacións levadas a cAbo segundo estes plantexamentos iniciais tiveron resultados interesantes porque incidiron no compoñente simbólico da lingua e da súa recuperación, pero que resultaron claramente insuficientes para alterar significativamente as prácticas lingüísticas a medio e curto prazo. Así, se ben este tipo de campañas serviron para cambiar as actitudes cara o galego, non serviron para modificar os usos sociais da lingua, sobre todo a nível da fala. Ademais, a modificación dos comportamentos lingüísticos privados e interpersoais quedaron fóra dos obxectivos lingüísticos pretendidos.
Os obxectivos pretendidos con este modelo de normalización poden ser agrupados segundo dúas perspeitivas: dende a perspeitiva da planificación do estatus da lingua galega e dende o ponto de vista da planificación da adquisición. No primeiro caso foron obxectivos a oficialización (dotación de medidas legais reguladoras da extensión da lingua a distintos ámbitos sociais e oficiais), a extensión dos usos sociais (formais e escritos, sinaladamente) e a modificación das avaliacións negativas sobre a lingua. Dende o ponto de vista da planificación da adquisición foron obxectivos a inserción do galego nas transmisións escolares e educativas non universitarias e a difusión social da variedade estándar que unha vez que se aproba en 1982 precisa ser difundida entre a poboación adulta.
Cómpre sinalar a este respeito que os obxectivos revitalizadores da lingua galega son moi pouco ambiciosos, tendo en conta o avance do proceso substitutorio e tamén as reivindicacións de certos sectores da sociedade galega que teñen como horizonte o monolingüismo social en galego ou, no seu defecto, unha ampliación significativa de usos sociais, camiño polo que ían outros modelos de normativa ao respeito, lembremos, e que son máis atinados para a normalización do galego. Chama a atención a este respeito a ausencia da transmisión primaria interxeracional do galego coma obxectivo na recuperación social da lingua.
O obxectivo xeral perseguido é, como xa temos sinalado máis arriba, a promoción do galego sen que esto afecte á posición social do castelán. Para esto, o que se fomenta son os cambios individuais, a decisión do individuo para aceitar a presencia do galego no seu repertorio lingüístico, pero sen presión ou imposición, mesmo nos casos de ámbitos regulados. É dicir, non existe unha vontade real de normalizar o galego por parte da Xunta de Galiza e a súa Direción Xeral de Política Lingüística.
A evolución sociocultural da poboación galega fai favorábel a normalización do galego. Así é que foron desaparecendo, ou alomenos remitindo en grande proporción, as actitudes desfavorábeis contra do galego, e mesmo contra dos seus falantes, que xa temos comentado, e mesmo é a sociedade quen demanda unha maior intensidade para o proceso normalizador, como demostran as enquisas ao respeito. Pero continúa o proceso de substitución do galego polo castelán, ao tempo que a presión mediática do castelán o sitúa en clara vantaxe sobre o galego. Estas condicións fan que non sexa óptimo o cenario no que se tenta normalizar o galego. Tamén a este respeito hai que recordar que a Xunta de Galiza está ocupada por un partido conservador e pouco respeituoso coas realidades lingüísticas, o que fai que sexan amplos sectores da sociedade quen demanden do Governo galego un maior compromiso para co idioma.
As prácticas planificadoras desenvólvense sen que se debatan nin se coñezan planos globais plurianuais, programas sectoriais organizados e coordenados de política e planificación lingüística, ... A organización da política lingüística institucional cara o galego amosa distintos aspeitos problemáticos, entre os que podemos destacar: a falla de organización, de seguimento e de avaliación das actividades lingüísticas desenvolvidas, o descoñecemento dos obxetivos planificadores e os horizontes da política lingüística (exceptuando casos moi concretos), a falla de periodización e de regularidade das actividades desenvolvidas, a falla de actuacións plurianuais e planificación a medio e longo prazo.
Tres son os efeitos que se poden salientar desta política lingüística levada a cAbo pola Xunta de Galiza, baseda, como diciamos, na falacia do bilingüismo harmónico:
- Revitalización institucional débil, dado que persisten lagoas nalgúns ámbitos oficiais, sinaladamente na administración de xustiza.
- Revitalización social moi desigual, con áreas moi poco desenvolvidas.
- Falla de consenso social e político nos obxetivos de revitalización da lingua.
Tamén no eido da Administración autonómica foi creada en 1987 a Escola Galega de Administración Pública que ten entre as súas finalidades "a difusión e normalización do idioma galego na administración pública, a capacitación lingüística do persoal e a participación na fixación da linguaxe técnica, administrativa e xurídica galega" e mais aprobouse en 1988, e modificouse en 1992, a Lei da Función Pública Galega, na que se esixe a todos os funcionarios o coñecemento da lingua galega. Ambas medidas non funcionan como deberan, e reduciron o galego a un uso ritualista na Administración galega, pois ademais de non esixirse o cumprimento da normativa vixente, ocultouse sempre que se puido o incumprimento da mesma.

2- O papel dos Concellos.

Diciamos máis arriba que no modelo normalizador deseñado pola Administración autonómica chama poderosamente a atención a ausencia doutros actores significativos, ademais da Dirección Xeral de Política Lingüística.
O Concello coma Administración máis próxima ao cidadán debera xogar un papel clave na normalización do idioma galego, mais a pesares desto queda excluido do modelo deseñado pola Xunta de Galiza.
A Lei de Normalización Lingüística (e tamén a Lei 5/1988, do 21 de xuño, do uso do galego como lingua oficial de Galiza polas entidades locais) garante o uso igualitario de galego e castelán, se realmente fosen iguais as condicións de partida duha e doutra lingua no noso país. Con este marco queda a discreción das Corporacións locais o uso que queiran darlle a cada lingua.
En 1988 apróbase a Lei de uso do galego como lingua oficial nas entidades locais. No seu artigo 1º establece que as convocatorias de sesións, orde do día, mocións, votos particulares, propostas de acordos, dictames das comisións e actas das entidades locais serán redatadas en lingua galega, podendo facerse, ademais, na outra lingua oficial. No artigo 2º atribúeselle á Xunta de Galiza a responsabilidade de impulsar este proceso. Así, a partires de 1988 ábrese unha liña de axudas ás Corporacións locais para a constitución de servizos municipais de normalización lingüística, sobre os que voltaremos nun intre. Realizáronse asemade unha serie de campañas para fomentar o uso do galego no ámbito da administración local, entre as que podemos destacar as que levaron por título "No teu concello, en galego" e "En galego, con todo o dereito". Ademais distribuíuse un Manual para cargos públicos sobre o uso do galego nas corporacións locais. Pero segue a ser un uso ritual do galego e a planificación da Direción Xeral de Política Lingüística, que vimos de analizar, non é a mellor para o caso galego. Queda a discreción dos governos locais, como xa apontamos, o uso que queiran darlle ao galego nas relacións institucionais e cos vecinos (e esta discrecionalidade dependerá, en boa medida, do partido que governe).
A pesares de existiren servizos municipais de normalización lingüística, éstes funcionan de xeito autónomo uns doutros, con escasa coordenación entre eles e a propia Direción Xeral de Política Lingüística.
Cara unha normalización do galego este debera ser usado coma lingua vehicular das administracións locais, que por proximidade ao cidadán farían máis visíbel a aposta dos poderes públicos pola normalización e uso do idioma galego.
3- O papel do ensino na normalización lingüística.

Xa temos analizado a nível teórico o papel que debe xogar o ensino cara á normalización do idioma, así que neste apartado simplemente daremos un breve repaso ás medidas levadas a tal fin en Galiza:
- O galego é o idioma de toda a administración educativa galega (o castelán só se utilizará no caso de seren solicitado polo usuario dun servizo);
- Nas áreas ou materias impartidas en galego, éste será norma en todas as manifestacións orais ou escritas do exercicio docente;
- Nos ciclos medio e superior impartiranse en galego, como mínimo, as materias da área de ciencias sociais. En Bacharelato, Formación Profesional e C.O.U. os alumnos recibirán alomenos dúas materias por curso en galego.
- No Decreto 247/1995 establécese a obriga de impartir un maior número de materias en galego de manera obrigada, e se lles concede aos centros a posibilidade de aumentar o número de materias impartidas en galego.
Asemade, críanse equipas de Normalización Lingüística e desenvólvense cursos para docentes, campañas e se conceden axudas para a edición de material didático en lingua galega.
Mais, á vista dos resultados, como veremos, ademais de non cumplirse estas disposicións, esta política amósase coma estremadamente deficiente e corrobora o que máis arriba temos apontado de que realmente na política lingüística da Xunta de Galiza subxace un desexo de lavado de conciencia e unha clara intención de non apostar polo idioma galego. Esta situción hase ver agravada coa nova Lei de Calidade do Ensino (LOCE), que invade as competencias autonómicas en cuestión de ensino recentralizándoas no Ministerio de Educación.
En canto á Universidade, dicir que a autonomía universitaria fai que sexan quen de elAborar os seus propios planos de normalización lingüística. Neste senso, e por poñer un exemplo, a Universidade de Santiago de Compostela conta co seu Servizo de Normalización Lingüística, que elAbora o plano de normalización, planifica campañas e edita a súa revista. Máis non parece, como máis adiante veremos para a política da Xunta de Galiza, que pretenda o monolingüismo final en galego, única meta lexítima, ao noso ver, dunha auténtica política de normalización lingüística para o galego.

4- Outras institucións.

De seguido analizaremos o papel que xogan unha serie de institucións secundarias no proceso normalizador. Sinalar que o título de secundarias non responde a unha menor importancia do seu papel de cara á normalización do galego, senón a que deberan ser tidos en conta pola Xunta de Galiza á hora de deseñar a súa política lingüística dada a relevancia que algunha destas institucións ten na sociedade galega. Xa temos sinalado que no modelo da Xunta de Galiza a normalización queda practicamente nas únicas mans da Direción Xeral de Política Lingüística.
Na administración de xustiza debe ser onde menos se logrou en prol do galego. Realmente non se fixo nada con vontade real de subsanar o problema do galego, fóra as campañas e cursos promovidos pola Direción Xeral de Política Lingüística, buscando, como xa temos sinalado, o cambio individual. Outrotanto pódese dicir do caso da Administración periférica do Estado.
Nos medios de comunicación, fundouse a Compañía de Radio e Televisión de Galiza (CRTVG), do que xa temos falado ao analizar a Lei de Normalización. Creouse unha rede de emisoras de radio e televisión municipais, que reflicten os mesmos problemas neste senso que as propias administracións locais. Na prensa privada, desenvolveuse unha política de subvencións aos medios para que publiquen en galego. Con todo, na prensa diaria é moi escaso o galego e só hai un diario en galego enteiramente, e varios semanarios e revistas, lonxe en todo caso dunha normalización efeitiva.
Noutros eidos de produción cultural, fundouse o Centro Dramático Galego, para levar ao teatro a normalización (neste caso innecesaria, pois o teatro galego estivo sempre cun claro compromiso coa lingua e o país, como nos ten sinalado Manuel Lourenzo, polo que hai que cuestionarse se non foi fundado con outros fins espurios), e desenvolveronse campañas en prol da edición e lectura en galego, axudas de apoio ao sector audiovisual (dende Sempre Xonxa a O sono dunha noite de San Xoán) e desenvolvéronse ferramentas informáticas en galego (mais a Xunta de Galiza non colAborou como debera con empresas do sector, sinaladamente o xigante Microsoft, á hora de desenvolver todas as aplicacións que é posíbel editar en galego) e apóianse sitios en internete (vieiros.com ou galego.org son dous exemplos). A música galega desenvolveuse igualmente, se ben as iniciativas normalizadoras non teñen moito respaldo da Xunta e nacen do compromiso idiomático dos artistas: así nace a Asociación de Músicos en Lingua Galega (AMELGA).
No eido da actividade empresarial tamén foi subvencionado o uso do galego e reguláronse aspeitos coma a etiquetaxe dos produtos en galego.
Nun país tan católico coma é Galiza tamén, ao noso entender, debe ser analisado o posicionamento da Igrexa a respeito da cuestión idiomática. A Igrexa Católica decidiu dende o Concilio Vaticano II deixar de dar a misa en latín e dála nos idiomas propios da poboación. Se ben en Euscadi e Cataluña os cregos dan misa nas linguas daqueles países, en Galiza a Igrexa optou por dar a misa en castelán, a pesares da axuda prestada dende a Xunta de Galiza para a edición galega do Misal ou o Catecismo. Pódese dicir, pois, que a Igrexa doulle as costas ao país na batalla do idioma actuando, coma ven facendo dende finais da Idade Media, coma un importante foco de colonización idiomática (e polo tanto cultural).
A Real Academia Galega é unha institución criada en 1905 coa finalidade de fomentar a cultura galega e de velar pola defensa e recuperación da lingua propia de Galiza, así como polo seu uso correcto. A Real Academia Galega está obrigada a ofrecer un modelo de lingua que responda ás necesidades expresivas da nosa lingua en cada momento da súa historia. A Lei de Normalización Lingüística de Galiza, na súa disposición adicional, confírelle a autoridade en canto a cuestións normativas da lingua. É autora, xunto co Instituto da Lingua Galega, do que de seguido falaremos, das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, modificadas recentemente ao incorporar parte da normativa de mínimos (xa temos comentado esto).
O Instituto da Lingua Galega, dependente da Universidade de Santiago de Compostela, foi criado en 1971, coa finalidadede estudar, promocionar e cultivar a lingua galega, así coma a de investigar a realidade lingüística do galego actual. Xogou un papel importante no proceso de normalización e normativización da lingua galega.
Estas dúas institucións céntranse na normativización do idioma á par que se suman ao descurso oficial do bilingüismo harmónico.

En suma, este conxunto de institucións que vimos de analizar neste último apartado tampouco lograron avances notábeis no proceso normalizador do galego. A culpa non é toda delas, senón da entidade que planificou o proceso normalizador, e que as deixou deliberadamente á marxe, apoiada na ideoloxía que sustentou todo o proceso (a do bilingüísmo harmómico).
IV- CONCLUSIÓNS.

A asunción por todas as forzas políticas galegas do denominado galeguismo histórico (excluíndo as formacións nacionalistas, lexítimas herdeiras, continuadoras e actualizadoras dese pensamento) fixo que todas elas asumiran o idioma como un elemento diferenciador de Galiza. Pero o tratamento a darlle ao idioma dependeu, moito, de que forza ocupou o Governo galego. Así, é preciso concretar as liñas ideolóxicas máis relevantes na política lingüística elAborada pola Xunta de Galiza:
a) Por un lado, seguíronse os postulados centrais dunha ideoloxía lingüística (a do bilingüismo harmónico) baseada, como xa temos sinalado, na aceitación do bilingüismo social galego-castelán coma un ponto de referencia.
b) Por outra banda, aplicouse unha política lingüística que, analisada externa e comparativamente, resulta escasamente activa e comprometida coa recuperación efeitiva da lingua galega. Esto explícase principalmente polo desexo de preservar o obxectivo xa comentado do bilingüismo a todos os níveis, ao tempo que centran grande parte dos esforzos recuperadores en conquerir que os individuos cambien os seus hábitos lingüísticos e os fagan máis favorábeis ao galego, pero sen forzar situacións, procesos ou eleicións, contemplados todos iles no plano máis estrictamente persoal.
c) Finalmente, evítase a potencial confrontación co castelán e téndese a evitar igualmente o plantexamento de actuacións que supoñan a formulación de conflitos por cuestións lingüísticas. Mesmo en ámbitos sociais regulados tentouse tapar en todo momento (e sempre que se puido) os conflitos derivados do incumplimento dos preceitos legais sobre a extensión educativa e escolar do galego.
O exame das características da política lingüística desenvolvida en Galiza pola Xunta de Galiza, tanto dende a perspeitiva das ideoloxías lingüísticas coma das prácticas planificadoras, lévanos a observar dous riscos complementares:
a) en primeiro lugar, trátase dun modelo de intervención revitalizadora de baixa intensidade, que supón a realización dunha política lingüística de escasa densidade e diversificación. Sería inexacto afirmar que non houbo un esforzo de revitalización do galego dende os poderes públicos. A capacidade de inversión en forma de recursos económicos adicados á promoción da lingua, case exclusivamente dende a Direción Xeral de Política Lingüística, é un exemplo. Tamén é relevante neste senso a incidencia na política de publicacións en galego ou as intervencións lingüísticas en sectores sociais diversos e dispersos, implementadas a maior parte das veces sen periodicidade e de forma illada. Noutros casos as actuacións realizadas amosaron claramente as limitacións e insuficiencias na organización e xestión da política lingüística. Por exemplo, o status e funcionamento dos servizos lingüísticos e de normalización lingüística ou o status dos xestores da planificación non só carece de concreción práctica senón que supón un fallo moi significativo na definición de quen deben ser os mediadores e os xestores dunha parte substancial da recuperación da lingua. Comprobamos, polo tanto, que houbo unha actuación en política lingüística pero que tivo unha intensidade escasa e careceu de densidade e diversificación.
b) e, en segundo lugar, trátase dun modelo que practica unha intervención social pouco profunda, e por conseguinte non se aproveitan todos os mecanismos de que dispón a planificación lingüística para contribuir a que as situacións lingüísticas cambien na direción que consideramos axeitada.
Por unha banda, a perceición que temos é que se renuncia ao plantexamento de actuacións de recuperación do galego que supoñan, alomenos en teoría, conflitos por cuestións lingüísticas, mesmo en ámbitos sociais regulados (o ensino é un bo exemplo desto). Por otra banda, estamos ante unha política lingüística carente de incidencia social profunda das actividades planificadoras, que conduzan a un cambio significativo nas conductas lingüísticas da sociedade galega. Esa falla de incidencia social podemos concretala:
a) na extensión do uso social da lingua, sobre todo dos usos informais e interpersonais;
b) na modificación efeitiva das atitudes lingüísticas;
c) na restitución dos mecanismos de transmisión primaria en galego;
d) na introdución da lingua en ámbitos de fonda transcendencia social: medios de comunicación audiovisuais privados, sectores empresariais e económicos, sociedade da información, Universidade, etc.
Polo tanto, os obxetivos normalizadores son moi limitados e aparentemente insuficientes, teñen escasa incidencia para deter o avance da substitución lingüística ou para conquerir a regaleguización dos sectores sociais que xa abandonaron o galego.
Noutros casos observamos os efeitos combinados das dúas características que acabamos de bosquexar: escasa densidade e pouca intervención social. Por exemplo, a falla dun plano xeral de planificación lingüística, a grave descoordenación nalgunhas das actuacións lingüísticas levadas a cAbo ou a realización de intervencións aparentemente pouco planificadas. Ou tamén a falla de avaliación dos resultados da formación lingüística e das actividades de correción e de asesoramento parecen responder a un certo desinterese por coñecer os pontos fortes e febles que puideran conducir ao planificador a obter resultados máis atinados.
Todo isto edificou unha forma de entender a política lingüística institucional galega que se distancia por igual dos modelos fortemente intervencionistas e dos modelos de non intervención, constituíndo un exemplo de modelo intermedio, unha caste de terceira vía. Onde si foi un modelo claramente intervencionista foi no campo da ortografía, pois a Xunta de Galiza exerceu un papel de policía ortográfica perseguindo as redacións relizadas en calquera normativa para o galego que non fose a oficial. No resto dos eidos si foi un modelo de non intervención.
Parece claro que a ideoloxía lingüística subxacente determina a amplitude e profundidade das práticas planificadoras. Nese senso, pódese establecer, sen demasiada dificultade, unha relación direta entre as ideoloxías planificadoras e os resultados prácticos acadados. É por iso que a ideoloxía do bilingüismo harmónico supón, na prática, unha negación da planificación coma instrumento real e práctico de transformación da realidade lingüística galega xa que os instrumentos da planificación lingüística poden supoñer unha alteración do equilibrio lingüístico entre as dúas linguas, e eso non o quere o bilingüismo harmónico.
A suma de ambas caraterísticas (política lingüística pouco intervencionista e de escasa densidade) dá coma resultado unha dinámica de política e planificación lingüísticas que os seus defensores ofrecen precisamente coma modelo a imitar por parte de comunidades con problemas lingüísticos similares. A este respeito hai que ter presente que se trata de unha formulación revitalizadora fácil de implementar e de escasa conflitividade social. Pero ten coma contrapartida o limitado horizonte de obxetivos lingüísticos que se poden conquerir coa súa aplicación, ao tempo que se xera un certo nível de conflitividade e de desmovilización nos sectores da sociedade con obxectivos revitalizadores máis ambiciosos que non se senten defendidos nen representados por eses poderes públicos que non asumen unha responsabilidade lingüística maior.
O bilingüismo harmónico, polo tanto, supón unha tentativa deliberada de promocionar o idioma galego evitando en todo momento conflitos sociolingüísticos derivados de tales actuacións ou o menoscAbo do papel social actual do castelán: para os normalizadores da Xunta de Galiza a normalización do galego non debe supór de ningún modo a anormalidade do castelán. Dado que, como xa temos apontado, a normalización é un proceso de substitución, queda de manifesto logo que a política lingüística seguida polo Governo galego non pode ser denominada normalización lingüística do galego por non perseguir este obxectivo.
Os efeitos analizábeis deste proceso son, por unha banda, unha revitalización institucional moi feble, dado que persisten baleiros nalgúns ámbitos oficiais, por outra, unha revitalización social moi desigual, con áreas moi pouco desenvolvidas, e finalmente unha falla de consenso social e político en canto aos obxectivos da revitalización da lingua.
Visto está que o bilingüismo harmónico é a ideoloxía lingüística que preside todo o proceso normalizador levado a cAbo pola Xunta de Galiza e os seus axentes. Temos probado que é un mito inalcanzábel na praxe en tanto ao uso igualitario de dúas linguas por unha mesma comunidade e en tanto a procesos de substitución de linguas (nos cales temos apontado o bilingüismo é un estadio intermedio, e nunca se dá dun xeito harmónico).
O Mapa Sociolingüístico de Galicia, elAborado pola Real Academia Galega, amosa algúns dados interesantes recollidos da realidade do país. Así, por exemplo, un 62,4% dos enquisados ten o galego coma lingua inicial, un 25,6% o castelán e un 11,4% declárase bilingüe inicial. A distribución non é homoxénea, amosando diferencias sobre todo segundo os grupos de idade. En canto á competencia lingüística, tan só un 2,9% manifesta entender pouco ou nada o galego, un 86,4% declárase capacitado para falar o galego e un 45,9% di saber ler en galego. En canto ao uso do galego, as opcións só galego ou máis galego que castelán son as que apresentan máis de dous tercios da poboación enquisada, un 68,6%. Polo que respeita ás prácticas bilingües obsérvase que estas son moi habituais e así, alomenos un 50,7% da poboación admite utilizar os dous idiomas nos seus hábitos comunicativos cotiás: case a misma porcentaxe, un 49,3%, declárase monolingüe: un 38,7% en galego, e un 10,6% en castelán. Estes serán o dado empírico que dá resgardo á política oficial de bilingüismo harmónico. O Mapa Sociolingüístico de Galicia estuda logo unha serie de usos lingüísticos que veñen demostrar a situación diglósica que fai imposíbel a situación harmónica pretendida pola Xunta de Galiza. Tamén cambiou a percepción do galego coma lingua rural e da xente sen cultura (se cadra foi este o único logro da normalización da Xunta).
O Mapa Sociolingüístico de Galicia non fai senon amosar que os vinte anos de normalización levados a cAbo dende a Xunta non evitaron que o galego perdera falantes, co cal habería que reflexionar sobre as políticas executadas xa que foron unha oportunidade perdida de cara á normalización do galego.
En síntese, a pesares de todo, o galego segue a ser a lingua maioritaria de Galiza, o idioma do Estado máis coñecido logo do castelán, se ben son constatábeis os resultados da política lingüística da Xunta de Galiza, que se ben conqueriron eliminar en boa parte os prexuízos contra do galego e mais mellorar a competencia escrita en galego, non foi quen de levar a cAbo unha efeitiva política normalizadora nos medios de comunicación nen recuperar moitos usos sociais do galego, como xa temos sinalado ao longo deste traballo.
Xa que logo, podemos tirar unha serie de conclusións tras este percorrido pola realidade da normalización do idioma galego:
1- Dúas linguas nunca conviven de xeito harmónico, sempre se produce diglosia, en maior ou menor grao, produto, como xa vimos, dun proceso diacrónico denominado substitución lingüística. É ocioso negar a existencia de diglosia en Galiza á luz dos dados analisados.
2- Pretender manter unha situación de bilingüísmo harmónico supón primeiramente recoñecer a existencia do conflito lingüístico, e en segundo lugar, o bilingüismo harmónico coma meta do proceso normalizador non garante a normalización do idioma, senon que perpetúa ou resitúa o conflito lingüístico.
3- Só cun modelo de inmersión lingüística poderase normalizar o galego dende o ensino (pois os alumnos de hoxe son os cidadáns do mañá). A estremada similitude de galego e castelán fará competentes en castelán aos alumnos galegos simplesmente co estudo da asignatura de lingua castelá e a propia realidade que rodea as súas vidas.
4- Unha política lingüística que realmente pretenda a normalización do galego terá que ser elAborada en base aos direitos colectivos da cidadanía, antepoñendo a conservación e normalización do galego ao direito persoal subxetivo de escolla de lingua do cidadán.
5- Aínda no caso actual, coas leis que actualmente están en vigor, é posíbel facer algo máis polo idioma. Un bo paso a comezar sería o cumprimento estrito da legalidade no tema que nos ocupa (xa temos comentado que non só non se sancionan estes incumprimentos, senón que mesmo son silenciados e ocultados sempre que se pode). Algo máis se avanzaría nese caso cara a normalización do idioma.

Dado que as ciencias sociais non teñen que quedarse na análise do problema, senón que ao noso ver deben implicarse na resolución do mesmo, por rematar restará bosquexar a nosa alternativa para a normalización do idioma galego e garantirlle así aquelas “mil primaveras máis”, tendo presentes estes catro pontos que acabamos de enunciar. A elo imos neste tramo final.
Primeiramente será preciso, á hora de elAborar un plano de normalización do idioma, definir que tipo de normalización se quere. Nengunha opción que non opte por establecer ao final o monolingüismo en galego garantirá xa de orixe un resultado óptimo, nen merecerá o nome de normalización lingüística, como xa vimos.
Seguidamente, o deseño do plano normalizador debería incluír a todos os axentes sociais implicados, ademais dos poderes públicos, Universidade, Academia, ensino, medios de comunicación,... Deste xeito, ademais de incluír as propostas de todos, o plano resultante nacería do consenso e sen unha contestación dende o seu momento inicial dende os sectores que loitan pola normalización do idioma. Parello a esto debera producirse a solución definitiva ao problema da codificación e estandarización do galego. Neste senso, debera terse presente que galego e portugués constitúen dúas variantes sincrónicas dunha mesma lingua; se cadra a saída lusista non sería aceitada pola maioría da poboación, pero coa actual normativa (a que incorpora os mínimos) poderíase ir evoluíndo cara a outra nun proceso demorado no tempo, en todo caso guiado por criterios científicos.
Unha vez definido o plano deberan proxectarse as políticas a desenvolver de cara á aplicación do mesmo. Xa temos sinalado as políticas levadas a cAbo pola Direción Xeral de Política Lingüística e os seus efeitos, polo cal haberá que buscar políticas máis atractivas para a cidadanía, e, sobre todo, máis efeitivas, vistos xa os dados que proporciona o Mapa Sociolingüístico de Galicia.
Co plano xa elAborado e as políticas en implementación, será a efeitividade das mesmas o que poida facer avanzar ao galego para que recupere os espazos perdidos nesta longa batalla de séculos, polo que será pertinente avaliar as políticas implementadas sen apriorismos e obxetivamente.
Mais non todo será eso: a lingua, viñamos dicindo dende que comezamos, é simplemente a ponta de iceberg da problemática galega: a lingua é o símbolo da batalla de Galiza pola supervivencia. Só con reformas estruturais que rachen coa dependencia colonial poderá progresar o país e será definitivamente superado o conflito lingüístico, tal coma afirmaba Isaac Díaz Pardo hai non moito4.
Esto lévanos a unha segunda reflexión. Se, como aconteceu, só é posíbel a normalización das linguas minorizadas naquelas comunidades que contan con soberanía, as reformas estruturais ás que se refería Díaz Pardo han conlevar do mesmo xeito que unha quebra da dependencia colonial de Galiza un autogoverno efeitivo, o exercicio da soberanía que garanta a existencia de Galiza coma nación, a autodeterminación, pois é ese o único xeito que garantirá a pervivencia do idioma galego coma lingua normalizada e de prestixio. A realidade nos ofrece numerosos exemplos ao respeito: Bélxica normalizou os seus idiomas coa reformulación en clave federal do seu Estado, Israel ou Finlandia normalizaron os seus idiomas coa independencia; só Irlanda non recuperou o gaélico trala independencia, porque os nacionalistas irlandeses puxeron máis énfase na relixión católica que no idioma coma fundamento do seu feito diferencial. Nótese que nós non falamos de independencia neste cenario actual de interdependencias mutuas, senón do maior autogoberno posíbel. Esta conclusión ben podería ser tamén un ponto de arranque, unha hipótese, para un futuro traballo.
O caso é que o galego precisa doutro modelo de normalización para garantir o seu futuro, pois a súa conservación non pode depender da fidelidade ideolóxica dos falantes e das subvencións da Direción Xeral de Política Lingüística á par que perde falantes. O mito do bilingüismo harmónico derrúbase ante os feitos que amosa a realidade, e só unha política que busque o monolingüismo final en galego garantirá a pervivencia do idioma e servirá para superar a realidade que describe o parágrafo de Castelao que temos comentado, tan actual aínda, máis de cincuenta anos despois de seren escrito.














V- BIBLIOGRAFÍA.

GARCÍA NEGRO, María Pilar. O galego e as leis. Aproximación sociolingüística, edicións do Cumio, VilAboa (Pontevedra), 1991.
HUGUET, Josep e SERRA, Joan M. Os nacionalismos perigosos, Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 2001.
MAPA SOCIOLINGÜÍSTICO DE GALICIA. Lingua inicial e competencia lingüística, compendio do vol. I, Real Academia Galega. Seminario de Sociolingüística, 1994.
MAPA SOCIOLINGÜÍSTICO DE GALICIA. Usos lingüísticos en Galicia, compendio do vol. II. Real Academia Galega. Seminario de Sociolingüística, 1995.
MAPA SOCIOLINGÜÍSTICO DE GALICIA. Actitudes lingüísticas en Galicia, compendio do vol. III. Real Academia Galega. Seminario de Sociolingüística, 1996.
RODRÍGUEZ CASTELAO, Daniel. Sempre en Galiza, Editorial Galaxia, 1999, Vigo.
RODRÍGUEZ SÁNCHEZ, Francisco. Conflito lingüístico e ideoloxía en Galiza, Edicións Laiovento, Santiago de Compostela, 1998.
VALLÈS, Josep M. Ciencia política. Una introducción. Editorial Ariel, Barcelona, 2000.
Normas institucionais de Galicia. Parlamento de Galicia, Santiago de Compostela, 1995.
“¿Falaremos galego no século XXIII?”, caderno “Culturas” de La Voz de Galicia de 8 de decembro de 2003.
Prensa diaria galega (La Voz de Galicia, La Opinión de A Coruña e El Ideal Gallego) e semanal (A Nosa Terra) dende o 1 de novembro de 2003 até o 10 de xaneiro de 2004, empregada para coñecer a actualidade do problema estudado (As edicións dixitais en hemeroteca atópanse en www.lavozdegalicia.es, www.laopinioncoruna.com, www.elidealgallego.com e www.anosaterra.com respeitivamente).

Fontes de internete.

Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia: www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/index.php. Desta fonte tiramos:
- MONTEAGUDO, H. e BOUZADA, X.M. O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000). Vol. I: Política lingüística: análise e perspectivas. Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2002.
- MONTEAGUDO, H. e BOUZADA, X.M. (coord.). O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000). Vol. II: Educación. Consello da Cultura Galega, Santiago de Compostela, 2002.
- Actas dos IV Encontros para a normalización lingüística. 9 e 10 de novembro de 2000. Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Arquivo de Planificación e Normalización Lingüística, Santiago de Compostela, 2002.
Outras fontes:
MONTEAGUDO, H. Sobre a polémica da normativa do galego, en: membres.lycos.fr/questione/academia/monteagudo1.html
LORENZO SUÁREZ, Anxo M. Modelo de política y planificación lingüística desarrollado en Galicia para la revitalización social de la lengua gallega. Universidade de Vigo. En: www.linguapax.org/congres/taller/taller2/Lorenzo.html
GONZÁLEZ GONZÁLEZ, Manuel. Language use surveys in the language planning process Galicia. Real Academa Galega, Seminario de Sociolingüística, en: www.euskadi.net/europa_hizk/cas925.html.
P. RODRIGUES, José Enrique. El papel de la traducción en la enseñanza de lenguas minorizadas, en: Webs.uvigo.es/h06/weba573/personal/henr/trad/trad_ped.html.
En: www.amesanl.org:
- Manifesto 17 de Maio de 2003 da Mesa pola Normalización Lingüística: Despois de trece anos perdidos, outra política lingüística é posíbel. Por un acordo amplo e sen exclusións sobre a língua galega.
- Relatório sobre os dados de coñecimento e uso do galego do censo de 2001.
Asociación de Músicos en Lingua Galega (AMELGA): www.amelgaweb.org.
www.galego.org
www.vieiros.com


No hay imágenes relacionadas.

Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


  1. #1 lgmoral 02 de ene. 2006

    Que maizter sea el latín magister no importa; también son préstamos BOTA y KALERATU. El problema es otro, muy otro, pero no quiero liarme con él. En cualquier caso creo que Brigantinus apunta a un problema real de "normalización" un tanto artificiosa y que coge a mucha gente en peleotas, a otras con el pie cambiado y a algunos los desanima. A este respecto me permito recordar que el latín medieval era una miseria que pondría mal de los nervios a Cicerón, pero funcionaba. Vinieron los humanistas, lo pusieron a caldo por bárbaro y corrupto, volvieron a las viejas elegancias ... ¡y se acabó el latín en dos generaciones!. Claro está que hubo otros y muy decisivos factores en juego, pero ya dije que no quería liarme y ya me estoy liando.
    Desde luego que el euskera tiene su rebiricho en cuanto que genética y tipológicamente está muy lejos de lo románico hispánico. Y ese rebiricho también lo tiene para los vascos que quieren aprenderlo, los euskaldunberriak. Y tampoco quiero entrar en cosas curiosas que hoy se dicen de lengua materna, lengua propia ... y me basta con recordar la solemne merluzada de Maragall en que los andaluces tienen personalidad cultural aunque no tengan lengua propia ... ¡Ene ba, mutil! ¿Zer daukate ba gaiso orrek? ¡Gongora, García Lorca, Alberti ... "lengua propia"gabe: manda carallo!
    Y por supuesto, me parece de perlas que todo vasco se sienta al menos interesado en la lengua vasca. Que llegua a ser "su" lengua ya es otro asunto más complejo.

  2. #2 Ofydd 06 de ene. 2006

    por certo, acAbo de ver que faltan as notas a pé de páxina do artigo orixinal (si saen os números, pero non o texto). Aquí as deixo:
    1- O tema da colonización de Galiza por España é un tema que, sen entrar en detalle, nos traslada por unha viaxe ao longo do pensamento galego, dende que o Pai Sarmiento insinúa o tema até as formulacións contemporáneas, como por exemplo as de Xosé Manuel Beiras no Atraso económico de Galiza. (véxase tamén a derradeira nota ao pé).
    2- Un artigo con contido similar a este inserto na Lei de Normalización Lingüística de Galiza foi declarado inconstitucional e tivo que ser retirado, como máis adiante veremos.
    3- A coñecida coma “normativa da concordia”.
    4- Entrevista persoal a Isaac Díaz Pardo, fundador do Grupo Sargadelos, o 27/XII/03 na Radio Galega (CRTVG) e recollida o 28/XII/03 por El Ideal Gallego.

  3. Hay 2 comentarios.
    1

Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.

Volver arriba