Autor: Ofydd
martes, 08 de noviembre de 2005
Sección: Leyendas
Información publicada por: Ofydd
Mostrado 18.454 veces.


Ir a los comentarios

O Tributo das Cen Doncelas

Unha aproximación a esta lenda medieval dende a versión galega da mesma.

A lenda na súa versión galega

Unha das lendas que máis gosta de narrar calquera betanceiro (Betanzos, Galiza) aos seus convidados é aquela segundo a cal os seus devanceiros plantaron cara a Abderramán para suprimir o Tributo das Cen Doncelas que o rei Mauregato pactara con el, e de como pola xesta os betanceiros deron en chamarse garelos (polas galeras do mouro, deformando a palabra primixenia). De resultas daquelo, di o betanceiro fachendoso, quedou o lugar da Galera, a rúa do Valdoncel (por ser o val que as doncelas baixaban cara ás galeras), o xentilicio garelo e o apelido Figueroa. ¿Pero que hai de certo detrás da Lenda do Tributo das Cen Doncelas que aínda hoxe Betanzos recrea na súa Feira Franca Medieval? A LENDA PROPIAMENTE DITA O contido da lenda ven sendo recollido dende hai uns 200 anos de forma similar en todas as fontes escritas coñecidas, nalgúns casos excedéndose no seu carácter lendario e dándolle carta de feito histórico contrastado e verídico. A lenda, tal como aínda hoxe se conta en Betanzos (Galiza), ven sendo algo así: "Logo de Aurelio ocupou o trono astur-galaico Mauregato, fillo dunha escrava, quen para garantirse a estabilidade no trono pactou con Abderramán o pago dun tributo anual a cambio da paz (para poder adicarse a rematar coa oposición que dentro do seu reino levantaba o monarca). O tributo consistía na entrega de cen doncela, metade nobres e metade plebeas, para os haréns de Córdoba. Do reducido territorio do reino galego-asturiano, Betanzos e Padrón, por ser as vilas de maior entidade daquela, correspondían cada unha con 6 doncelas (tres de cada estamento) e tiñan tamén o dubidoso privilexio de seren o porto de embarque das doncelas cara os peiraos de Al Ándalus. Na vila de Betanzos foise xestando un malestar crecente contra do pacto do rei. Nunha primeira tentativa, un pai plebeo vendeu as súas escasas posesións para mercar a vida da súa filla (escollida para satisfacer o pago do tributo), e cando os axentes de Abderramán rexeitaron o pagamento denunciando a insolencia do vello pai, este matou á súa filla afirmando preferir vela antes morta que deshonrada, o que lle valeu para morrer alí mesmo. Este feito atizou máis o lume da oposición popular ao dictado do rei, e no seguinte ano Betanzos negouse a pagar o tributo cando as galeras mouras tomaron terra nos peiraos brigantinos. O rei Mauregato enviou tropas de apoio aos mahometanos e exhortación á cidade para que entregase ás doncelas que lle correspondía, e Betanzos non tivo máis remedio que entregar ás súas seis doncelas. En paralelo, nobres e viláns betanceiros urdían unha alianza para salvaren ás súas irmás e fillas. O Pobo de Betanzos presentouse poucos días antes do embarque das doncelas no Campo das Figueiras, onde estaban atracadas as naves de Abderramán e acantonadas boa parte das súas tropas. En paralelo, outro continxente betanceiro dirixíase á Torre de Peito Burdelo (na parroquia de Sarandóns, no hoxe veciño Concello de Abegondo). Esgotada a vía da diplomacia sen conseguir a supresión do tributo, os betanceiros botáronse sobre tropas e naves musulmanas e tamén sobre as tropas do rei, tanto as que protexían as naves do califa coma as que foran reforzar a garda da Torre de Peito Burdelo. Cinco irmáns infanzóns despuntaron na batalla, pois ao verse privados das súas armas, rotas no fragor da contenda, tomaron pólas das figueiras que abondaban no lugar (o Campo das Figueiras) para seguir a combater, e que logo deste episodio tomaron por apelido o de Figueroa e por blasón cinco follas de figueira. De resultas da contenda, coa victoria para os betanceiros, o tributo quedou abolido na cidade (pronto en todo o reino pois as restantes cidades alzáronse contra el) e Mauregato rematou por perderen o trono. As doncelas voltaron aos seus fogares e os betanceiros deron en chamarse garelos en recordo da heroica xesta. E aínda está a rúa do Valdoncel por onde baixaron as doncelas e figueiras nos peiraos da Galera, antigo Campo das Figueiras”.

Do lendario ao feito histórico, unha interpretación da lenda.

En primeiro lugar advertir do carácter literario do relato que acabo de recoller, tal como mo contaron hai tempo. Existen versións coidadas, de máis calidade literaria, e que posiblemente non recollan a lenda tal como a presento eu, incorporando algunha outra cousa ou omitindo algo. O relato, tal como o recollo, bebe directamente da literatura popular, que a fin de contas foi quen o mantivo até os nosos días. Por iso optei por esta versión popular no canto dalgunha versión máis literaria. Xa na introdución que fago desta lenda a subtitulo coma versión galega. O motivo deste subtitulo, que haberá quen poida xulgar pretencioso de máis, é o de existiren outras versións da lenda medieval das cen doncelas noutros puntos do estado español, que dou en denominar versión asturiana (a lenda tal coma se representa e conta no Concello de San Martín del Rey Aurelio), catalana (tal como a recollen en Bagà) e leonesa (a lenda das Cantaderas, na cidade de León), e teño indicios de que poida existir unha versión castelá (pois en Carrión de los Condes hai unha igrexa que reproduce motivos desta lenda no pórtico porque, según alí contan, no solar da igrexa era onde se reunían as doncelas para enviar a Córdoba). Todas as versións que coñezo do romance xiran arredor da Batalla de Clavijo, polo que poida que a lenda non sexa máis que outra invención para dar ánimo aos combatentes na Reconquista para seguir loitando e aos que sostiñan os exércitos dende a casa cos seus tributos para que fixeran todo o que puideran para pór fin aos abusos dos musulmáns, coma a propia Batalla de Clavijo (éxito da propaganda da época) ou mesmo o achádego do corpo do Apóstolo en Iria Flavia. Neste caso, o nexo que coido puido levar a lenda duns reinos a outros (da coroa galaico-leonesa a Aragón) tivo que ser o Camiño de Santiago, sempre e cando a lenda non fose unha actualización cristianizada dalgunha lenda ou crenza anterior, que é un dato que de momento se me escapa. A expansión da lenda polo norte da Península Ibérica fai descartar a creación, ao abeiro do Romanticismo, dunha falsa lenda medieval (cousa feita noutros casos). Pero coido que sen dúbida o Romanticismo influíu para manter vivo o recordo da lenda ou mesmo alentou a súa representación nalgún caso. E sen dúbida o Romanticismo fixo acrecentar o papel do pobo no relato da lenda, como acontece na versión betanceira coa alianza entre nobres e viláns e esa imaxe de corpo que proxecta a cidade ao longo de todo o relato. Non será alleo a este feito que sexa precisamente o período romántico o que faga aparecer varias versións escritas desta lenda, alomenos na súa versión galega. No caso concreto de Betanzos, e ligando xa co feito histórico contrastábel, o relato romántico e a súa nova popularización no século XIX obedece ao esforzo que a cidade fixo por modernizarse. En 1834 Javier de Burgos deseña a actual división provincial e Betanzos perde a provincia que tivo na Idade Media e que os Reis Católicos lle confirmaran. As elites locais, logo de 1850, inician unha contestación dende todos os eidos, e os historiadores locais propóñense demostrar a grandeza de Betanzos para recuperar a provincia. E unha epopea deste calibre é algo que non se pode pasar por alto nese propósito, xunto coa creación do “Betanzos dos Cabaleiros” fronte ao histórico Betanzos irmandiño e gremial. Aínda co baldón de asumir que Betanzos até 1200 estaba emprazado en Tiobre e que, como moito, no castro de Unta (onde hoxe está Betanzos) habería unha aldea vasala do mosteiro de Sobrado, e non a cidade que se levanta en armas aldraxada. Temos xustificada a popularización e a presunta orixe da lenda. Queda unha cuestión por solventar: de onde saen daquela o Valdoncel, A Galera, os Figueroa e os garelos? Vaiamos por partes. O topónimo Valdoncel é anterior ao Romanticismo, segundo parece, mais tampouco é de orixe medieval, segundo se cre actualmente. Da Galera, outro topónimo, a tradición sostén que alí atracaban as galeras que viñan a Betanzos na Idade Media, cousa curiosa se temos en conta que os peiraos betanceiros non estaban á beira no Mendo de xeito principal, senón que o máis caudaloso Mandeo era quen acollía nas súas marxes o porto brigantino. Apúntase a posibilidade de que alí houbese un barrio de prostitutas (coma o caso da Galera compostelana, tamén medieval pero lonxana ao mar). O hipotético Campo das Figueiras que cedeu o seu nome á Galera pode ser creación popular, pero resulta curioso que os documentos e os recordos falen de sempre da existencia na Galera de figueiras e hórreos (esvaécese a posibilidade dun apaño romántico coa plantación das árbores). A lenda, prácticamente como a vimos de recoller pero cun maior protagonismo para os irmáns Figueroa, está recollida nunca xenealoxía da Casa de Figueroa, seguindo o gusto da fidalguía galega do XVIII de buscaren xestas heroicas que dera lugar ao nacemento da súa estirpe. Puido ser que esta familia oriunda da comarca de Betanzos adaptase levemente a lenda medieval para glorificar as súas orixes cun halo lendario (a madeira da figueira non serve para nada nun campo de batalla dada a súa febleza, pero préstase para a manipulación co apelido). Preto do solar primixenio desta familia, na parroquia de Figueroa, Concello de Abegondo, veciño de Betanzos, atopamos a parroquia de Sarandóns, coas ruínas dunha torre medieval que tal vez sexa a de Peito Burdelo. Pero ben, sería unha peleas entre dous familias veciñas e rivais a que deu lugar ao mal nome da torre de Sarandóns cun romance que fixo fortuna? O máis delicado tal vez sexa a orixe do xentilicio garelo. Ten que ver coas galeras ou non? Se ten que ver coas galeras, tal vez non teña por que ser coas galeras de Abderramán e garde máis relación con aquela frase de Murguía que dicía que “no século XVI os betanceiros eran os xenoveses de España” (Betanzos era porto de mar). Se non ten que ver coas galeras, a orixe sería máis incerta. En todo caso, a lenda do Tributo das Cen Doncelas é parte do amplo patrimonio que encerra a cidade de Betanzos e que temos a obriga de conservar para desfrute de todos.


No hay imágenes relacionadas.

Comentarios

Tijera Pulsa este icono si opinas que la información está fuera de lugar, no tiene rigor o es de nulo interés.
Tu único clic no la borarrá, pero contribuirá a que la sabiduría del grupo pueda funcionar correctamente.


  1. #1 ainé 08 de nov. 2005

    Tema interesante, varias casas nobles están relacionadas con esta leyenda: Os López de Lemos No lendario da nobreza nunca faltan explicacións nin aventuras semellantes a esta. O escudo de armas dos López de Lemos, señores de Sober e Ferreira de Pantón, só contaba cun roel no tempo en que os cristiáns tiñan que pagar ós mouros o chamado tributo das cen doncelas. En tempos do rei Afonso II, O Casto, un tal Fernán López de Lemos e Sober rescatou doce doncelas daquelas entregadas ós mouros e por iso desde entón puido engadir ao seu escudo doce roeles de azur en campo de prata. Velaí a razón pola que agora suman trece os roeles do escudo dos López de Lemos. A casa dos Figueroa: "Falemos de la casa de Figueroa. Digo yo que no baja de seteçientos y cinquenta años; porque en la era de setecientos ochenta alçose por rey de León Mauregato, y por quitar el reyno a su sobrino Don Alonso el Casto fuese a los moros, prometiéndoles cien donçellas cada un año de parias en Galiçia, en León y en Asturias. Y echando a las suertes a queles havían de dar sus hijas, cayó la sorte sobre un hijodalgo de FRigueroa, y aseñaláronle el día que la llevase y que fuese muy ataviada. Ansí lo hiço y muy secretamente ymbió a llamar a todos sus parientes y amigos que le ayudasen contra los moros. Y así lo hicieron. Y al tiempo que llegaron los moros erguéronse las çeladas y cortáronles las cabeças. Y ganaron por armas las follas de las figueiras con su cordón amarillo. Y de allí en adelante siempre tuvieron apellido." Vasco da Ponte "Recuento de las casas antiguas del Reino de galicia" Una página estupenda sobre leyendas: http://www.galiciaencantada.com/index.asp?rsl=1024 Viriato ¿Dispones del texto original? (puede ser del romancero castellano pero la leyenda es de época "Barduliana"....¿estará el original en asturiano o leonés?)

  2. Hay 1 comentarios.
    1

Si te registras como usuario, podrás añadir comentarios a este artículo.

Volver arriba